·
·
EN MARCHA O PROCESO DE SELECCIÓN DE PARTICIPANTES NO PROXECTO DE FORMACIÓN PARA O EMPREGO “MINERVA”

Aprende a destacar nas túas entrevistas de emprego

As accións están dirixidas de maneira prioritaria aos colectivos vulnerables e con maiores dificultades de inserción laboral como o das mulleres, as persoas paradas de longa duración, inmigrantes, persoas con discapacidades, e menores de 30 anos.

Nos últimos días comezaron dous dos itinerarios formativos incluídos no programa, o de “Actividades loxísticas de almacén”, que se desenvolverá ata finais de marzo; e o de “Hixiene e atención domiciliaria sanitaria”, que rematará o 14 de abril. Está a piques de comezar tamén o itinerario de “Edición de videos con After Effects” e para o que ainda hai prazas dispoñibles. A inscrición pódese facer a través do formulario dispoñible na web https://minerva.gal/itinerarios/edicion-de-videos-con-after-effects-avanzado/

60 itinerarios formativos

A concelleira de Dereitos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, lembrou que no marco do programa Minerva vanse desenvolver 60 itinerarios formativos distintos, con formación específica, prácticas profesionais titorizadas, formación transversal e formación complementaria. María Rozas apuntou que “respondendo ás necesidades do mercado laboral, a maioría dos itinerarios, preto de 40, están relacionados co sector dixital e as TIC, e atenden a disciplinas como a intelixencia artificial, a realidade aumentada, a creación de videoxogos ou o desenvolvemento de webs”. Ademais, o programa Minerva atende outro tipo de sectores con dificultades para atopar persoal, con itinerarios relacionados coa construción, como os de albanelería ou pintura; o comercio, con formación en oficios que non teñen relevo xeracional como o de carniceiro; ou a atención á dependencia, como os de atención sanitaria domiciliaria ou coidado das persoas maiores.

Para inscribirse nas accións formativas do programa Minerva, é preciso estar en situación de ser demandante de emprego. Cada un dos itinerarios formativos terán 16 alumnas e alumnos, e as persoas participantes terán dereito a unha bolsa de formación, en función dos requisitos de renda. Esta axuda pode rondar os 300 euros, dependendo da duración da actividade, que vai desde as 134 ata as 384 horas. Semanalmente impartiránse unhas 25 horas de formación, de modo que os itinerarios poden durar entre un e dous meses. Ademais, complementaranse con prácticas profesionais titorizadas en empresas de cada sector.

Toda a información sobre o programa Minerva está dispoñible na web https://minerva.gal/

 

Nova tirada da web do Concello de Santiago de Compostela: https://santiagodecompostela.gal/gl/noticias/en-marcha-o-proceso-de-seleccion-de-participantes-no-proxecto-de-formacion-para-o-emprego