Buscas mellorar a túa empregabilidade? Os obradoiros duais son unha opción ben completa: ofrécenche formación, coa posibilidade de obter un certificado de profesionalidade, e traballo cun contrato de 9 meses.
Hai uns días publicouse no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións para os obradoiros duais de emprego de 2026. Anualmente a Xunta de Galicia impulsa estes programas, que son promovidos fundamentalmente polos concellos. Repara en que inicialmente só está aberto o prazo para que as entidades promotoras presenten as súas solicitudes.
A selección é realizada pola entidade promotora do obradoiro (o concello ou a mancomunidade) mediante un procedemento específico:
Hai uns criterios de preferencia na sondaxe que vai realizar a oficina de emprego: as persoas que teñan solicitado este servizo a través da súa demanda de emprego. Polo tanto, se estás interesado/a é importante que acudas á túa oficina de emprego e manifestes interese en participar neste tipo de programas. Concretamente podes solicitar a túa inscrición nestes servizos:
320: Escola taller programas
330: Casa de Oficio
340: Taller de emprego
370: Outros programas de emprego formación dual
Por último, indicar que terán prioridade as persoas demandantes pertencentes a diversos colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo.
O número máximo de alumnos/as – traballadores/as dun obradoiro de emprego é de 20, sendo 10 o número mínimo. Cómpre sinalar que un obradoiro de emprego pode ter varias especialidades, sempre que teñan coherencia coa obra/servizo que se vai desenvolver.
Desde hai moitos anos o Concello de Santiago desenvolve obradoiros de emprego e actualmente estase a preparar a solicitude para a concesión do obradoiro dual de 2026.
Hai que sinalar que, alén dos criterios xerais mencionados, nos obradoiros do Concello de Santiago outro criterio de preferencia para a sondaxe da oficina de emprego é que sexan demandantes de emprego do propio Concello, e que só no caso de non encontrar candidaturas suficientes se amplíe a sondaxe aos concellos limítrofes.
Nos últimos anos estanse realizando as especialidades de nivel 2 “Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas (AGAR0208)” e “Confección e publicación de páxinas web” (IFCD0110). Podes consultar aquí as bases de selección do ano pasado e tamén coñecer as obras realizadas polas persoas participantes desta última edición.