Todos os anos a Consellaría de Emprego da Xunta de Galicia convoca os programas de cooperación. Estes programas, coñecidos como “os cooperas”, son unha boa oportunidade de acceso ao mercado laboral, xa que financian a contratación de persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro para a realización de servizos de interese xeral e social.
💼 Duración dos contratos:
- 9 meses con xornada a tempo completo
- 12 meses con xornada a tempo parcial do 75%
📆 Datas clave a ter conta
Convocatoria dos “cooperas”: publícase anualmente (nos últimos anos, en agosto). Mais ollo, esta convocatoria só se dirixe ás entidades sen ánimo de lucro que realizarán as contratacións.
Proceso de selección: en canto as entidades reciben a concesión da subvención xa poden comezar o proceso de selección das persoas demandantes de emprego.
Prazo límite para as contratacións: as entidades terán que realizar as contratacións como como tarde o 10 de decembro.
✅ Requisitos:
- Estar desempregado/a e inscrito/a como demandante no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e
- Non ter sido beneficiario/a dun programa de cooperación nos últimos anos.
- Dependendo da ocupación ofertada cada entidade beneficiaria poderá establecer uns requisitos específicos de formación.
🔍Como optar aos postos ofertados?
As entidades poden realizar a selección directamente ou presentando unha oferta específica no SPEG, así que:
- Contacta directamente coas entidades ofertantes, ou infórmate a través da súas canles de comunicación, para presentar a candidatura.
- Tamén podes solicitar información na oficina de emprego sobre as ofertas que estean tramitando sobre as ocupacións ofertadas.
📢 Postos ofertados en 2025 en Santiago de Compostela
Podes consultar aquí todos os programas de cooperación aprobados a nivel galego. Na táboa tes a información de: entidades ofertantes e os seus datos de contacto; ocupacións ofertadas; número de postos; duración do contrato e tipo de xornada.
En Santiago de Compostela ofertáronse un total de 49 postos para 28 entidades sen ánimo de lucro (FADEMGA, FEAFES, Cáritas, ASPAS, DOWN, ASPERGA, etc.). Os postos ofertados, agregados por áreas, foron os seguintes :
Social e sanitaria:
- 6 profesionais do traballo e a educación social
- 5 profesionais de apoio ao traballo e á educación social
- 4 psicólogos/as
- 4 traballadores/as dos coidados ás persoas en servizos de saúde
- 3 monitores/as de actividades recreativas e de entretemento
- 1 terapeuta ocupacional
- 1 auxiliar de enfermaría hospitalaria
- 1 fisioterapeuta
- 1 profesional do traballo e a educación social
- 1 técnico/a de control de calidade das ciencias físicas, químicas e das enxeñerías
- 1 dietista e nutricionista
Educación e ensino:
- 4 técnicos/as educadores/as de educación especial
- 1 profesor/a de ensinanza secundaria (excepto materias específicas de formación profesional)
- 1 especialista en métodos didácticos e pedagóxicos
Administrativa e xeral:
- 4 empregados/as administrativos/as con tarefas de atención ao público
- 3 asistentes/as de dirección e administrativos/as
- 2 ordenanzas
- 1 especialista en políticas e servizos de persoal e afíns
- 1 empregado/a de contabilidade
Comunicación e outros:
- 2 xornalistas
- 1 sociólogo/a, xeógrafo/a, antropólogo/a, arqueólogo/a e afíns
- 1 profesional da publicidade e a comercialización